- 0 likes
- 1104 views
Esta fin de semana, Melide acolle a que será a 31ª edición da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional. Co gallo desta celebración, organizouse un amplo programa de actividades pensadas para toda a familia. E a elas está convidado o noso produto máis recente, a nosa Xenebra M54 London Gin.
En concreto, esta elaboración formará parte dunha sesión de coctelería ideada para presentar distintas propostas que maridan á perfección coa repostaría da Terra de Melide. Contarase para a ocasión co experto e galardoado barman Cristian Rodríguez Díaz. Será o sábado ás 20.45 horas na Praza do Convento e haberá música en directo.
Proceso de maceración, destilado e infusionado
Cabe sinalar que para a elaboración da nosa xenebra empregamos un alcohol de cereal con triple destilación, macerado e infusionado. Procedemos a macerar preto dunha vintena de botánicos, de distinta composición e variedade aromática.
En concreto, para a selección dos botánicos contamos coa colaboración da cooperativa Milhulloa, veciñas con grandes coñecementos no mundo dos botánicos ecolóxicos. Así, empregamos compoñentes da súa selección propia como son o tomillo, o “padriño” e a “madriña”, o xenxibre ou o cardamomo….
En concreto, forman parte da nosa receita:
Romeu, cimbro (hibisco), chantaxe e canela eco: padriño
Milenrama, melisa, menta, sarxa e limón eco: madriña
Botánicos: milenrama, menta, sarxa, romeu e chantaxe dan un sabor que traslada aos aromas frescos da Ulloa onde se cultivan, xunto coas especias exóticas como o cardamomo, o xenxibre e a canela, que aportan sabores lixeiramente picante, amargo e doce. O limón reforza o carácter refrescante e da unha fragrancia afroitada.
Por outra banda, as maceracións levámolas a cabo en pequenos envases de 20 litros a unha graduación concreta e por agrupamento de botánicos cun prazo de entre 5 e 14 días. Unha vez obtido o grao de aroma desexado, filtramos e deixamos repousar unha semana.
Pasado este tempo, comeza o proceso de destilación. Realizámolo nun destilador de cobre de 200 litros, entre 12 e 14 horas, onde ademais facemos un cóctel dos botánicos macerados e infusionamos a través dunha cestiña introducida no destilador a unha altura suficiente para que os botánicos non se volvan cocer e aporten sabores desagradables.
Deste xeito, obtemos unha xenebra de 70%vol. segundo normativa London Gin e logo rebaixamos con auga pura, sen engadir ningún edulcorante, azucre nin aromas artificiais. Deixamos estabilizar uns 15 días e procedemos ao envasado cun repouso final en botella antes de sair ao mercado. A graduación escollida para a nosa Xenebra London Gin é de 42%vol. con catro destilacións.
O resultado? M54 é unha xenebra con personalidade propia, limpa de aceites esenciais en suspensión, predominante o cimbro en fusión con distintos botánicos que aportan unha complexa fusión de aromas herbáceos, florais, frutais e cítricos.
Moi agradable na coctelería e combinados, no padal destaca o seu arume característico e perfumado cun sabor agradable, sedoso e envolvente.